Sunday 05 de May de 2024

Protección Civil impulsa unha campaña de recollida de alimentos para o Nadal


A iniciativa desenvolverase até o 18 de decembro

O Concello, a proposta das e dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil, impulsa unha campaña de recollida de alimentos, a través de doazóns particulares e de empresas, comunidades veciñais, asociacións e calquera entidade ou asociación que queira realizar unha achega.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil encargarase de recoller os alimentos nas propias empresas, sedes de entidades e edificios para trasladalos ao Banco de Alimentos.

Calquera colectivo, empresa ou entidade que queira facer unha doazón, pode reunir os alimentos e chamar aos teléfonos 649 456 389, 630 885 285 e 630 601 248 para concertar unha cita. Nese momento, as e os voluntarios de Protección Civil pasarán a recoller a mercadoría e levarana ao Banco de Alimentos.

Desta maneira preténdese garantir a continuidade da campaña de recollida de alimentos, reducindo o contacto e cumprindo con garantías as medidas de seguridade sanitarias.

A área de Seguridade Cidadá, que xa colaborou durante o confinamento na repartición de alimentos a través de Protección Civil, é sensible ante a grave situación pola que están pasando moitas familias coruñesas, e por iso deseñou esta alternativa para paliar o problema da recollida de comida, ofrecéndose a facer pequenos traslados “solidarios” ao Banco de Alimentos.

O Goberno local é consciente de que a crise económica e social derivada da pandemia está provocando unha situación de empobrecemento de moita xente, o que leva a que moitas persoas e familias se atopen con dificultades para conseguir alimentos. Con esta iniciativa preténdese minimizar esta situación. Así, as e os voluntarios achegaranse a recoller os alimentos doados a centros de traballo, comunidades de veciños, centros docentes (AMPAS), establecementos comerciais, mercados e supermercados así como noutros posibles locais, que poidan estaren abertos, en que se poidan entregar as doazóns para que sexan recollidas por Protección Civil.